Que é o préstamo a domicilio

Mediante o préstamo a domicilio a Biblioteca pon a disposición dos seus usuarios, para a súa consulta fóra das súas instalacións e durante un período de tempo determinado, os seus recursos documentais.

 

Quen pode acceder ao préstamo a domicilio?

O persoal que traballa nas institucións do Sistema Sanitario Público e nos centros da cal existe unha biblioteca. O préstamo é persoal e require a identificación da persoa que solicita o préstamo como traballador en activo da institución. A persoa que se beneficia do préstamo é responsable da custodia, conservación e devolución da obra no prazo e condicións establecidas.

Se no seu centro de traballo non existe unha biblioteca, consulte a opción do Préstamo Interbibliotecario.

 

Que materiais se prestan?

Todos os fondos da biblioteca son obxecto de préstamo, agás:

  • obras de referencia, en calquera formato
  • fondo antigo
  • materiais para consulta en sala
  • revistas

 

Canto tempo dura o préstamo?

O período de préstamo a domicilio é de dúas semanas. Vostede pode levar ata 4 obras de forma simultánea en préstamo. Contacte persoalmente, por teléfono ou por correo electrónico coa súa biblioteca de referencia. Atopará os datos de contacto na sección de Información Xeral. O persoal da biblioteca informarao das condicións do préstamo domiciliario no seu centro, o tempo de préstamo, as posibilidades de renovación e reserva dos documentos.

 

Que pasa se non devolvo os documentos?

Se no prazo establecido para o préstamo ao usuario, non se efectua a devolución, o Servizo de Biblioteca enviaralle unha reclamación. Se a reclamación non se atende, a sanción dependerá do Regulamento de Préstamo que teña establecido cada centro, pero xeralmente as sancións varían dende bloqueos de novos préstamos e penalizacións por cada día de atraso na devolución, ata a reposición dun novo exemplar, se este non é devolto por perda ou deterioración grave.

 

Que é o préstamo interbibliotecario?

O préstamo interbibliotecario é un préstamo de documentos entre centros que permite aos usuarios obter documentos (libros en préstamo, artigos de revistas, etc.) que non se atopan entre os fondos dalgunha das bibliotecas da rede sanitaria pública. Teña en conta que non se debe utilizar para solicitar libros que teñan unha forte demanda, como dicionarios ou manuais habituais, ou que sexan de doada adquisición.

 

Quen pode utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario?

O servizo de Préstamo Interbibliotecario está dirixido ao persoal das institucións do Sistema Sanitario Público Galego.

 

Custarame algo pedir documentos co servizo de préstamo interbibliotecario?

Cando o préstamo se realiza entre bibliotecas da Rede do Sistema Sanitario Público Galego, este préstamo non supón ningún custo para o usuario. Pero se os documentos hai que solicitalos a outras comunidades autónomas ou a universidades, ás veces, supón o pagamento dunha taxa, dependendo das tarifas da biblioteca á que se solicita o documento. As universidades teñen establecida a "tarifa rebiun" que supón custos de entre 5 e 7 euros. A British Library tamén cobra 30 € aproximadamente. Para coñecer estas tarifas deberá preguntar previamente ó seu bibliotecario de referencia, posto que varían dun ano a outro. Pode realizar esta consulta persoalmente, por teléfono ou por correo electrónico. Na sección de Información Xeral atopará un directorio cos datos necesarios para poñerse en contacto co persoal da biblioteca do seu centro de traballo.

 

A que tipos de préstamo interbibliotecario podo acceder?

Hai dous tipos de préstamo interbibliotecario, o préstamo de libros e documentos orixinais, e o Servizo de Obtención de Documentos para solicitar fotocopias dos artigos das revistas.

 

En que consiste o préstamo de libros e documentos orixinais?

Pode solicitalo á súa biblioteca, despois de consultar o catálogo de libros no epígrafe de Servizos. É recomendable que realice a súa solicitude por correo electrónico utilizando o formulario electrónico (as direccións de correo electrónico tamén figuran no directorio de bibliotecas na sección de Información Xeral). Utilice o correo electrónico do sergas para que o identifiquen como un usuario autorizado. Deberá incluír os seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • O seu centro de traballo e servizo, teléfono do traballo, teléfono móbil e correo electrónico
  • Autor, título, editorial, número de edición e ano da monografía

Se previamente consultou o catálogo de libros, pode incluír o nome do hospital onde teñen o libro e a signatura deste (Notación alfanumérica que sinala o lugar onde está colocado fisicamente no estante). A biblioteca avisarao por correo electrónico cando reciba o documento e informarao do prazo para devolvelo. As bibliotecas non permiten que os materiais orixinais saian da biblioteca á que remiten o préstamo, polo que vostede terá que desprazarse ata a biblioteca receptora para consultar o documento.

 

En que consiste o Servizo de Obtención de Documentos (SOD)?

A través deste servizo pode solicitar copia de artigos de revistas que non estean entre os fondos da biblioteca virtual ou da biblioteca do seu centro de traballo. Pode solicitalo na súa biblioteca, despois de consultar o catálogo de revistas no epígrafe de Servizos. É recomendable que realice a súa solicitude por correo electrónico a través do formulario (tamén ten información sobre as direccións no directorio de bibliotecas en Información Xeral). Utilice o correo electrónico do sergas para que o identifiquen como un usuario autorizado. Deberá incluír:

  • O seu nome e apelidos
  • O seu centro de traballo e servizo, o teléfono do traballo, teléfono móbil, e correo electrónico
  • Inclúa o PMID (PubMed Identifier é un número identificador unívoco que se lle asigna a cada rexistro cando se ingresa na base de datos) sempre que sexa posible
  • O autor e título do artigo
  • Nome da publicación periódica, ano, volume e páxinas

 

Se previamente consultou o catálogo colectivo de revistas C17, pode incluír o nome do hospital onde teñen a publicación. Os artigos de revistas recibiranse en texto electrónico, por fax ou en fotocopias. A biblioteca porase en contacto con vostede por correo electrónico en canto teña o documento. As reproducións unicamente se poden utilizar para fins asistenciais e de investigación.

 

Ten custo económico solicitar un artigo?

De momento, só se xestionarán a través de BiblioSaúde os artigos que as bibliotecas consigan de forma gratuíta. Se algún artigo ten un custo, porque a biblioteca á que se solicita o documento nos cobra unha taxa, a súa biblioteca de referencia se porá en contacto con vostede para avisarlle dos custos que leva consigo a tramitación e vostede decidirá se os quere pagar e como.

 

Como teño que proceder se quero pedir un artigo?

No menú da esquerda de Bibliosaúde ten un enlace chamado "Solicitude de artigos". Aí aparécelle un formulario de petición de artigos e un enlace con información. Deberá cubrir todos os datos persoais que se lle solicitan e os datos do artigo. Envíe a petición á súa biblioteca de referencia (a máis próxima na súa área sanitaria) e esta xestionaralle a solicitude e enviaralle o artigo por correo electrónico.