2017_0609_09292800.jpg

Esta 6ª Xornada resultou especialmente emotiva , porque xa na inauguración o Conselleiro de Sanidade, D. Jesús Vázquez Almuiña, rendeu unha merecida homenaxe ao noso compañeiro e ex coordinador de Bibliosaúde, Carlos González Guitián, agradecéndolle todos os anos e o traballo dedicado á institución e facendo entrega dun obsequio.


A continuación dous excelentes relatores e investigadores sorprendéronnos coa súa proximidade e a súa sinceridade no relatorio inaugural titulado “Dá investigación á publicación: dous puntos de vista". Guillermo e Victoriano, contáronnos cada un a súa versión das dificultades que se atopaban no proceso de escribir e publicar os resultados das investigacións, o primeiro desde o punto de vista do investigador e o segundo desde o punto de vista do editor dunha revista con factor de impacto.


urigorri.jpg



Os tres relatores seguintes faláronnos de temas variados, todos eles relacionados coa autoría da comunicación científica. Carlos G. Guitián centrouse no concepto de autoría, os organismos que definen este concepto, o inadecuado uso da autoría, a orde de firma dos autores, e as propostas para garantir a integridade da autoría.

María Sobrido, foi un paso máis aló, e ilustrounos sobre a importancia da normalización da firma científica, tanto dos autores como das institucións. A través da figura de Severo Ochoa, expúxonos as dificultades que puidese ter hoxe en día este investigador para recuperar a súa produción científica, coas posibles variacións do seu nome e apelidos recollidos nas bases de datos médicas. Terminou ofrecéndonos unhas recomendacións para seguir e normalizar ambas as firmas, a de autor e as institucionais.


José Manuel Estrada pechou o ciclo, mostrándonos con humor as vantaxes dos identificadores dixitais como ORCID, que permiten ao autor recompilar toda a súa produción científica baixo ese número de 16 cifras que identificará o seu perfil de investigador, independente das variacións de firma que puidese ter ao longo da súa carreira.



2017_0609_12303100.jpg

A presentación de RUNA, o repositorio institucional da Consellería de Sanidade e o Sergas, a cargo de Alberto Fuentes, Benigno Rosón e Carmen Rodríguez Otero, puxo o broche final a esta xornada. Explicouse como este repositorio vai mellorar a xestión da documentación que xera a nosa institución, o control da calidade da información, a preservación da información, a falta de homoxeneidade e a dispersión.


Carmen, coa experiencia de traballar no deseño de RUNA desde o principio, foi debullando o por que, o para que, as especificacións técnicas, e as vantaxes que vai supoñer para a institución e os seus profesionais esta nova ferramenta.


carmen.jpg

Como colofón a esta xornada, Elena Primo, Directora da Biblioteca Nacional de Ciencias da Saúde, en nome de todos os asistentes sorprendeu cunha emotiva presentación de homenaxe a Carlos G. Guitián, resaltando a súa traxectoria profesional e os seus valores humanos.​​


Elena.jpg



​​