Esta
6ª Xornada resultou especialmente emotiva , porque xa na
inauguración o Conselleiro de Sanidade, D. Jesús Vázquez Almuiña,
rendeu unha merecida homenaxe ao noso compañeiro e ex coordinador de
Bibliosaúde, Carlos González Guitián, agradecéndolle todos os
anos e o traballo dedicado á institución e facendo entrega dun
obsequio.
A
continuación dous excelentes relatores e investigadores
sorprendéronnos coa súa proximidade e a súa sinceridade no
relatorio inaugural titulado “Dá investigación á publicación:
dous puntos de vista". Guillermo e Victoriano, contáronnos cada un a
súa versión das dificultades que se atopaban no proceso de escribir
e publicar os resultados das investigacións, o primeiro desde o
punto de vista do investigador e o segundo desde o punto de vista do
editor dunha revista con factor de impacto.
Os
tres relatores seguintes faláronnos de temas variados, todos eles
relacionados coa autoría da comunicación científica. Carlos G.
Guitián centrouse no concepto de autoría, os organismos que definen
este concepto, o inadecuado uso da autoría, a orde de firma dos
autores, e as propostas para garantir a integridade da autoría.
María
Sobrido, foi un paso máis aló, e ilustrounos sobre a importancia da
normalización da firma científica, tanto dos autores como das
institucións. A través da figura de Severo Ochoa, expúxonos as
dificultades que puidese ter hoxe en día este investigador para
recuperar a súa produción científica, coas posibles variacións do
seu nome e apelidos recollidos nas bases de datos médicas. Terminou
ofrecéndonos unhas recomendacións para seguir e normalizar ambas as
firmas, a de autor e as institucionais.
José
Manuel Estrada pechou o ciclo, mostrándonos con humor as vantaxes
dos identificadores dixitais como ORCID, que permiten ao autor
recompilar toda a súa produción científica baixo ese número de 16
cifras que identificará o seu perfil de investigador, independente
das variacións de firma que puidese ter ao longo da súa carreira.
A presentación de RUNA, o repositorio institucional da Consellería de Sanidade e o Sergas, a cargo de Alberto Fuentes, Benigno Rosón e Carmen Rodríguez Otero, puxo o broche final a esta xornada. Explicouse como este repositorio vai mellorar a xestión da documentación que xera a nosa institución, o control da calidade da información, a preservación da información, a falta de homoxeneidade e a dispersión.
Carmen, coa experiencia de traballar no deseño de RUNA desde o principio, foi debullando o por que, o para que, as especificacións técnicas, e as vantaxes que vai supoñer para a institución e os seus profesionais esta nova ferramenta.
Como
colofón a esta xornada, Elena Primo, Directora da Biblioteca
Nacional de Ciencias da Saúde, en nome de todos os asistentes
sorprendeu cunha emotiva presentación de homenaxe a Carlos G.
Guitián, resaltando a súa traxectoria profesional e os seus
valores humanos.